"Lucecús Teatro nace da confluencia de varios proxectos artísticos. Logo de moitos anos de traballo en diferentes colectivos teatrais de Lugo, tres vagalumes decidimos xuntarnos e dar un paso adiante coa máxima ilusión do mundo. Tres lucecús chamados Anxo Manoel, Isa Herrero e Rubén Pérez que teñen percorrido os escenarios de Galicia da man de grupos como Achádego, Palimoco ou Microefectos Dramatúrxicos. A compañía acaba de nacer pero xa son moitas as actuacións que levamos ás nosas costas, esperando ansiosos que o número se multiplique.
Comezamos este proxecto da man dos compañeiros de Ibuprofeno Teatro, que dirixirán este primeiro espectáculo que ogallá sirva para alumarnos polos camiños do mundo."